AS HERBAS DE SAN XOÁN

Texto de Etnografía de Vicente Risco sobre esta tradición galega que pode ser de interese para traballar o elemento das plantas nesta festa É usanza común a toda Galicia o recoller na tarde de San Xoán diferentes herbas e flores, botalas en auga e deixalas na auga ó sereno pra que collan o orballo desta noite, pra á mañá lavárense todos naquela auga. As herbas que se collen pra este uso son: os sanxoáns, alcroques ou abrulas, o fiuncho, o codeso, o fento macho, o trovisco, ponlas de nogueira, ponlas de ameneiro, espadana, sabugueiro, malvas, artemisa, arzais, sosas de nabo, ágramo, herbas de San Pedro, rosas de sabrego, poutas de lobo, herbas de nosa señora, follas de caraballo, rosmanillo, perpetua, roseiras. Esta auga, en que estiveron a remollo as herbas, ten propiedades menciñeiras, máxicas, pra curaren dos aires lurpios, envexas, etc., e cosméticas, pra pór mais bonitas ás mozas e darlles boas colores e finura de pel. Outras usanzas que teñen que ver coas plantas son as das terras de Verín de recoller nesta noite flores de malva e gardalas deica a noite de Nadal pra pólas aquel día na mesa, dicindo que pró outro día, ou sexa o 25 de Nadal, volven a estar louzanas e verdecentes, e mete-la noite de san Xoán un cardo seco debaixo de cama, que aparece florecente pola mañá; e o costume de Laza de chantaren esta noite no lugar chamado da Picota unha cerdeira que van roubar a un veciño. Polo derradeiro é tamen a noite propicia pra curaren os nenos do enganido e das esbrilladuras. Fenden en dous un carballo e pasan ó rapaz pola fendela, intervindo dúas Marías ou unha María e un Xan, pasándollo un ó outro tres veces dicindo: “Toma María-Daca Xóan- Doucho crebado-Darasmo san.” Logo atan a árbore ben atada, segundo estaba, e se solda é que o neno cura, senón é que non cura.

Contacto

Centro Xuvenil Abeiro
Rúa Don Bosco, 1
15003 A Coruña
Tlf:  693 84 60 23
cxabeiro@cxabeiro.org

En Twitter